Martes, 28 de xuño de 2016 Camiño Santiago-Santiago
Tras a primeira etapa desta ruta, que transcorre da capital compostelana a Fisterra, a segunda etapa conecta as localidades de Fisterra e Muros mediante a denominada “Ruta litoral”, que conta cun total de 51 kms e cruza, entre outras localidades, a parroquia de Ézaro, no concello de Dumbría.
Despois de percorrer uns 25 km dende Fisterra chégase á vila de Ézaro. A importancia deste lugar reside na súa fervenza, a única en toda Europa que desemboca directamente no mar.
Ézaro ten, ademais, un fermoso paseo marítimo bordeando as súas praias e uns xardíns dende onde, os días nos que abren as comportas do encoro, pódese contemplar unha vista fermosa da fervenza no seu maior apoxeo coa súa iluminación espectacular.
Abandonando a localidade de Dumbría e camiñando outros 25 km, chégase a Muros, a vila mariñeira por excelencia. O seu casco antigo, declarado Ben de Interese Cultural, merece unha visita para descubrir, entre as súas prazas e rúas, o encanto dos seus soportais mariñeiros.
As dúas prazas máis importantes son a praza de Santa Rosa, co seu cruceiro do ano 1789, e a da Pescadería Vella, actualmente convertida nun espazo de ocio onde se poden tomar uns viños e tapas nas numerosas tabernas. Esta última praza chama a atención a presenza dunha orixinal fonte de cantería que reproduce a silueta dun réptil con ás, e que foi construída no ano 1929 polo mellor canteiro da vila, D. Francisco Iglesias.
Os gravados prehistóricos atopados en diversos puntos de Muros son outro dos seus principais atractivos.