Venres, 2 de marzo de 2018 sendeirismo, hostelería, senda, estrelas, compostela, fisterra
En anteriores posts do blog de Do Artesanato xa vos faláramos de Senda Das Estrelas, unha iniciativa que ten coma fin coñecer o que vai máis alá do Camiño de Santiago. Unha ruta de Compostela a Fisterra pensada na realización de etapas curtas na que, aínda que o camiño ten importancia, o prioritario é reparar no seu entorno, naquelas pequenas e grandes cousas que o rodean.
Para dar a coñecer a Senda das Estrelas ao gran público, queremos dar a oportunidade a diferentes prescriptores, entidades e institucións de que o poidan facer orientados por unha guía que lles descubra os recunchos con máis encanto desta ruta. Este foi o caso da axencia de viaxes Caminando Caminando, especialista en turismo slow, sendeirismo e Camiño de Santiago da localidade leonesa de Ponferrada. A súa directora xeral, Cinzia Ruberto, quixo vivir a experiencia de camiñar polas estrelas cunha ruta planificada de maneira específica para o seu desfrute. Durante tres días, Cinzia coñeceu a maxia presente en lugares moi especiais.
19:00: Visita a Hotel Gastronómico Casa Rosalía en Brión
José Manuel foi o anfitrión e guía neste hotel con arquitectura e detalles propios dun museo etnográfico. Sería xenial quedar a tomar un café a carón do lume, mais non podiamos acumular retrasos o primeiro día, así que saímos en dirección Noia.
Estaba a escurecer e non puidemos parar en Toxosoutos, pero a alternativa de achegarnos a Noia para pasear polas súas rúas e tomar unha tapa antes de cear, convenceunos a todas.
21:00 Cea en Casa Boto en Noia
Para cear, nada mellor que deixarnos levar polas suxerencias de Casa Boto. Un menú degustación con produto de mercado e preparado de forma deliciosa por Marián, unha cociñeira con raíces na Ría de Muros e Noia, que volveu á casa despois de aprender de mestres da cociña dentro e fóra de Galicia.
23:00 Aloxamento en Casa Perfeuto María en Outes
O recendo e calor da lareira en inverno. Esta é a definición dunha casa que mantén a esencia do fogar sen renunciar a unha arquitectura contemporánea integrada na paisaxe e o entorno rural.
O almorzo non puido ser mellor, porque Lema tíñanos unha sorpresa. Unhas deliciosas filloas á pedra, e achegarnos á casa de Carmen, que ofreceunos un obradoiro etnogastronómico improvisado á calor do lume da lareira.
De camiño a Freixo, visitamos as Cabanas do barranco e o CAM (ideal para obradoiros gastronómicos)
12:30 Visita ao restaurante Ríos e ao restaurante Pepe do coxo, en Freixo
Pepe é un mago das ostras, especialidade da casa, así que non nos puidemos resistir a grabalo en vídeo. Alguén tiña que marcar os tempos, e do Freixo custounos saír porque Pepe e Fernando teñen moito que amosar desde este pequeno porto da Ría de Muros e Noia.
De camiño a Muros, visita a Apartamentos Abelleira
Estes apartamentos turísticos de aluguer completo, están situados nunha ubicación privilexiada con vistas que invitan a quedar na casa. Contan con todas as comodidades e un ambiente acolledor, que só Matilde e a súa familia conseguen transmitir.
Non lembramos o número de fotos que fixemos das vistas, mais lembramos que a visita foi breve e intensa. A conclusión final é que se nalgún sitio pódese crear fogar a partir duns apartamentos turísticos, ese sitio é Abelleira.
13:30 Visita a restaurante Dársena en Muros
Irene recibiunos coa mesma profesionalidade e cariño de sempre. Con humildade e a honestidade de ofrecer un produto de calidade no centro de Muros, entrar no Dársena é sentirse coma na casa e en familia.
15:00 Comida en restaurante Lumarada en Muros
A atención e un servizo personalizado son as claves deste pequeno restaurante para deixarse recomendar dende a confianza que transmite un profesional coma Ángel, que coñece a hostelería dende que era un neno, cando xogaba entre fogóns.
17:00 Visita ao aloxamiento Xanela da lúa en Lira (Carnota)
Carmen é a responsable deste aloxamento con encanto e con alma en Lira. Entrar en Xanela da lúa é entrar nun remanso de paz que cobra máis encanto, se cabe, en inverno.
18:00 Visita ao Xouba en Lira (Carnota)
É imposible pasar por Lira e non deixarse caer no Xouba. Despois da comida no Lumarada, xa non nos cabía nada máis no estómago, pero Maritina non se resistiu a poñernos unha mousse de limón e un arroz con leite caseiros. Acompañounos a súa filla Aroa, así que as risas estaban aseguradas. Entrañables e simpáticas, ofrecen o que teñen; pescado e marisco fresco no que podería ser o comedor da tía Maritina.
18:30 Visita a taller artesán Nacho Porto en Carnota
O taller de Nacho comeza sorprendendo e remata fascinando. As súas pezas falan del e a súa particular forma de interpretar a realidade a través da cerámica.
O noso próximo reto, obradoiros de cerámica para pequenos grupos. É un soño cada vez máis preto da realidade, porque a Nacho tamén bríllanlle os ollos cando falamos de abrir as portas do taller e da alma para transmitir a súa arte a outras persoas…
19:30 Visita a Casiñas de Cornido en Carnota
Junquera recíbenos coa familiaridade dunha amiga cando nos recibe para ensinarnos os apartamentos de pedra con encanto nesta aldea de Cornido, a escasos metros do taller de Nacho. O coidado polos detalles e a atención son a seña de identidade destes aloxamentos e os seus anfitrións.
Xa escurecera e non sacamos fotos, pero conservamos algunha de cando nos aloxamos a finais de verán e cargamos as pilas para o outono e o inverno.
21:00 Cea en restaurante A Morosa en Carnota
Distintos espazos, distintos ambientes. Tapas con amigos no bar, na terraza cuberta ou no comedor, máis tranquilo, con ampla bodega, produto de calidade e un servizo impecable do persoal de sala.
Optamos polo comedor e a pesar da abrumadora experiencia gastronómica do día, non nos puidemos resistir a probar as zamburiñas, que acompañamos dunha deliciosa ensalada para compensar.
Na sobremesa Javi achegouse a saludarnos e contarnos os seus proxectos de futuro para o restaurante. Un pracer compartir a súa ilusión, paixón e entusiasmo nunha fría noite de inverno.
23:00 Aloxamento en Casa da balea en Corcubión
Rocío fai desta casiña de pedra no centro de Corcubión un lugar ideal para instalarse e gozar dun auténtico ambiente mariñeiro polas rúas por este pueblo con encanto.
Era tarde cando chegamos, e cun sorriso na boca recibiunos Rocío a pesar do retraso. A axenda obligábanos a saír cedo en dirección a Fisterra, así que agardamos poder voltar a Casa da balea con máis tempo.
10:00 Visita ao hotel Alén do mar ao chegar a Fisterra
O hotel Alén do mar estábase preparando para abrir renovado. As obras de mantemento, pintura e limpeza non nos impediron percibir a calidade e o mimo co que se xestiona este hotel.
Nesta ocasión foi Rocío quen nos recibiu e encargouse de explicarnos todos eses matices e aspectos imperceptibles que fan que a estancia en Alén do mar sexa especial. Dende as características de colchóns e almofadas, ata un almorzo servido na mesa, porque o manxar que ofrecen non pode ser de autoservizo…
11:00 Visita ao Museo da pesca no Castelo de San Carlos
Manuel é tan profesional e familiar ao mesmo tempo, que consegue facer grande un museo pequeno. Isto é algo que dixo alguén importante que pasou polo museo, e nós facémonos eco desas palabras. Polo agarimo co que Manuel atende cada visita, ou polo esforzo para falar en chino se fai falla, ninguén pode pasar por Fisterra sen parar no Castelo de San Carlos. É inevitable engancharse a cada detalle, cada anécdota, cada falso mito sobre o mundo da pesca e o mar, pero tamén á historia negra dos naufraxios na Costa da morte. É un privilexio para locais e foráneos deixarse levar polas explicacións de alguén tan sabio e entrañable como Manuel.
12:00 Visita a Semáforo de Fisterra
Se visitar o Semáforo de Fisterra é un privilexio no verán, visitalo en inverno é mellor, e con menos xente. Comprobar o confort e a decoración das habitacións transmite a sensación de estar vivindo algo único. As vistas dende as habitacións, dende o comedor ou dende a zona habilitada para o almorzo non teñen prezo.
Jesús non nos puido recibir, pero con moita profesionalidade atendeunos o persoal do Semáforo, así que encantadas co espazo e o trato, fumos tomar un merecido vermú á taberna do faro. Jesús estivo pendente da nosa visita na distancia, pero teremos ocasión de coincidir persoalmente a próxima vez.
Á taberna achegouse Amelia, de Atlantis Adventure, para despertarnos o desexo oculto de facer kayak no Ézaro, e coa travesía nocturna, a diversión está asegurada. Unha experiencia co punto de adrenalina e aventura que non podía faltar en A Senda das estrelas.
13:00 Visita a Hotel do Banco Azul en Fisterra
Neste hoteliño con encanto a carón do mar recibiunos Carmen. Co tempo xusto e a presión de respectar a axenda, apenas puidemos gozar da decoración das habitacións e de ver e escoitar o mar dende todas elas. Un luxo para os sentidos e unha pena non poder quedar naquelas estancias un pouco máis…
14:00 Visita e aperitivo en La Bayonnaise 1803 en Fisterra, onde quedamos con Alicia de Buceo Fisterra
Alicia non só é das poucas mulleres monitoras de buceo en España, senón que coñece as profundidades do mar de Fisterra, e iso outórgalle unha medalla extra. A proposta de Alicia é totalmente apetecible e consiste nun paseo ata Illa Lobeira, unha inmersión cos mariscadores para ver como extraen os longueiróns (un a un, porque a extracción selectiva preserva a especie), e unha degustación deste molusco bibalvo en La Bayonnaise 1803. Experiencia didáctica e gastronómica para coñecer a trazabilidade dende a area ao prato.
15:30 Comida en restaurante O fragón
Chegar a O fragón é adentrarse na Galicia rural, e en ascenso. Isto significa que ao chegar a unha altura, co mar de Fisterra de fondo, o restaurante está integrado de tal xeito na aldea, que só o ves cando te achegas.
A ubicación e as vistas, a decoración, o produto e o servizo. Que máis se pode pedir?
18:00 Visita a Casa Santa Uxía
Unha casa de pedra nas alturas e aos pés do lago que forma o embalse do Xallas, podería ser unha das estampas de inverno de A senda das estrelas. Sae fume da chimenea e iso significa que Edu agarda por nós co lume prendido. Chegar ao remanso de paz de Santa Uxía e que sexa Edu a que nos agarda no umbral da porta coa tranquilidade que transmite, convida a quedarse unha semana e deixarse contaxiar pola atmósfera e a calma no interior e o exterior deste aloxamento, rodeado de auga e silencio.
21:30 Restaurante Mar e terra en Ézaro (Dumbría)
Javier estaría encantado de acompañarnos na visita ao restaurante Mar e terra en Ézaro, pero desta vez non puido ser. No seu lugar recibiunos Vanesa, quen explicounos as vantaxes de gozar da gastronomía do Mar e Terra en verán, na terraza, a pé de praia, pero tamén en inverno con propostas moi apetecibles. Se tes sorte, poderás coincidir con algunha das ceas tematizadas que organiza en temporada baixa, e se sodes un grupo, podedes falar con Javi para ver que vos podería organizar.
Foi o colofón, tocaba a volta a Compostela. Como podedes ver, na Senda das Estrelas o camiño é importante, pero moito máis a súa comida, a súa xente, o seu encanto, a maxia dos seus recunchos. Queres ser o seguinte en vivir esta experiencia? Esperámoste cos brazos abertos para que camiñes polas estrelas!
Neste enlace tes dispoñible a guía de actividades: